Este ano non foi especialmente bo en termos de tecnoloxía, pero si que descubrín algunhas aplicacións que me permiten ser un chisco máis produtivo co ordenador. Velaquí van as miñas recomendacións para que, se non as coñecedes, poidades probalas.

Notion (multiplataforma)

Notion é unha ferramenta de notas con esteroides. Aínda non atopei a ferramenta perfecta dende que aborrecín Evernote, pero Notion cobre algúns dos aspectos que preciso: é multiplataforma, é relativamente lixeira, sincroniza ben a e a versión gratuíta é bastante completa.
O mellor é que trae plantillas predefinidas que son francamente útiles. Eu emprego algunhas para as tarefas pendentes, en proceso e realizadas, así coma un “protoexcel” para anotar algúns CPF e non perder datas.
Para min, o top das aplicacións que descubrín este ano.

Dejalu (OSX)

Un cliente de correo electrónico para mac. Sorprendentemente lixeiro e multiconta (acepta tamén contas imap, o que para min xa é un gran éxito).
Aínda está en fase beta, pero apunta moi boas maneiras.

Brave (multiplataforma)

Un navegador web multiplataforma e centrado na privacidade. Como parece que agora comezamos a virar os ollos cara os nosos datos e seica son importantes, a combinación brave + duck.com (o buscador privado) é unha excelente fórmula para navegar pola rede sen medo de coockies, anuncios molestos e, sobre todo, rastreadores do noso equipo e os nosos hábitos de navegación.
Outra vantaxe é que admite algunhas das extensións máis coñecidas, así que podedes darlle unha oportunidade a este navegador.

1Password (multiplataforma)

En realidade, xa a coñecía, pero no black friday obtiven un ano gratis (grazas, Catalonia!) e podo exprimir ao máximo este xestor de contrasinais. Ten extensións para todos os navegadores… e dende que emprego esta app deixei de memorizar contrasinais. É sinxelamente brillante!

Helium (OsX)

Esta ferramenta permite cargar vídeos e telos nunha ventá flotante que sempre está en primeiro plano. É útil para seguir videotutoriais… ou ter a un pequerrecho entretido mentras escribes un correo electrónico 😉
Ademais de estar en primeiro plano (que é o principal atractivo), podes darlle máis ou menos opacidade ao vídeo, polo que este aplicativo é aínda máis útil.

Mos (osx)

Esta aplicación xa é para nota… serve para manter o scroll suave do trackpad ou dos ratos de mac, pero con calquera rato. Evita o scroll brusco, que según a quen, pode ser molesto.