Cando en xaneiro o decano Xose Baamonde me informou da intención duns rapaces que querían argallar unha WordCamp na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación en Pontevedra… pensei “que valentes!”.

Pasaron os meses e Juan insistía sobre o tema, ata que finalmente o evento tivo data: 22 e 23 de setembro.

Como parte da comunidade universitaria, é unha marabilla poder contar con este tipo de eventos (xa o dixen no seu día), e como profesor relacionado coa materia en cuestión (WordPress), pois xa nin vos conto. ¿para que? 😀

Sen embargo, a calidade do evento foi moi superior á esperada. Non me malinterpretedes, esperaba algo grande, pero non me imaxinaba algo TAN BEN organizado. Ducias de colaboradores perfectamente sincronizados, unha morea de patrocinadores (moi amables, por suposto) e arredor de 200 persoas (entre as que eu me atopaba) dispostos e dispostas a aprender. E a compartir.

Compartir, porque diso vai o software libre

O coñecemento que compartiron os relatores é perfectamente axeitado a todos os niveis.

As áreas que se tocaron, accesibles a todos. Claro que había charlas máis técnicas, como a que se centrou nos hooks de WordPress, pero a meirande parte das aportacións estaban dirixidas a todos os públicos.

Especialmente significativas me pareceron as charlas adicadas ao mundo da comunicación e marketing. Tipografía, atención ao cliente, email marketing… un conxunto de disciplinas alonxadas da programación, pero tamén moi importantes.

A este respecto: grazas, Iván Expósito, pola primeira charla dunha WordCamp en galego.

Ao marxe das ponencias, que exercía de nexo de unión ou tema de conversación, foi moi interesante compartir opinións, coñecementos e inquedanzas con outras persoas interesadas no entorno web de WordPress. Síntome especialmente agradecido por ter coñecido en persoa ao meu referente neste mundo, o GRANDÍSIMO Fernándo Tellado (na imaxe superior).

Contar con este evento nunha facultade de COMUNICACIÓN é algo moito máis importante do que parece. Contribuímos a rachar con estereotipos: a fenda dixital, o monopolio da área técnica, a unión de marketing, comunicación e tecnoloxía…

E, para rematar cos estereotipos, a presenza de público feminino foi máis elevada do que acostuma a acontecer neste tipo de eventos.

Para repetir, se os organizadores queren, en 2019.

Longa vida a WordPress.