Fai unhas semanas escribía unhas palabras sobre WikiLeaks como a esperanza no século XXI.

Cambiaron algo as cousas. Para ben e para mal.

Económicamente, a organización está moi mermada. Non tanto polas suxas ferramentas dos bancos e compañías financeiras (que deixan ao descuberto as relacións de poder entre si) senón polo enorme gasto que supón, ao parecer, facer fronte ás verdades máis suxas das sociedades occidentais. Ao parecer, case medio millón de euros semanais.
Tal ha de ser o apuro que Assange escribirá su biografía por un millón de dolares para costear os seus gastos xudiciais.

E mentres os gobernos van a por el, a rede sumouse á súa causa (e se non mirade a cantidade de mirrors do sitio web orixinal) ou utilizou a súa causa como disculpa para emprender un feroz ataque aos principais instigadores (o grupo Anonymous e os ataques a Mastercard, o banco suízo, a xustiza sueca…).

Por outra banda, as diverxencias entre os membros de WikiLeaks provocaron a escisión dalgúns dos seus membros, que contraatacarán con novas filtracións dende unha plataforma diferente.

Así e todo, os rumores de novos sitios de filtracións como o rumoreado WikiLeaks hispano son un síntoma claro da evolución natural do fenómeno: as franquicias locais

Isto é o paso seguinte: “pensar globalmente, actuar localmente“. A estratexia do glolocal, que se comeza a reimpoñer nos media fronte á hiperconcentración e centralismo, é máis factible na rede.

Señores, imaxinen un WikiLeaks español, outro portugués, italiano… ou aínda máis, vencellado a temáticas comúns como a educación, a especulación urbanística, a industria… todo un mundo de posibilidades que están aí para os que queiran continuar co legado de Julian Assange e os seus seguidores.

WikiLeaks é a salvación e a morte do xornalismo de investigación. Unha modalidade que parecía morta e que invita a recuperarse. É labor dos xornais verificar que a información filtrada é certa. É labor dos xornalistas comprobar os datos, publicalos, comentalos e facelos dixeribles para unha poboación alienada no século XXI.

Pero corre o risco de ser tamén a tumba deste xornalismo. WikiLeaks pode fagocitar o xornalismo de investigación. Co seu método, co seu know how e coa evolución da rede, onde todos somos productores e consumidores de información, pode desprazar aos xornais como medios informativos.

En definitiva, estamos ante o comezo de algo grande para as sociedades occidentais, por moito que queiran escondelo e extirpalo coma se dun cancro se tratase. Non nos damos conta de que o cazador é quen ten que ser cazado, de que a democracia segue a significar que é o pobo o que ha de gobernar, e de que os governos que temen a organizacións coma WikiLeaks, pode que escondan algo.

So é unha opinión, pero ao tempo, veremos se se cumpren as predicións.