Como xa sabedes, estoume interesando moito máis na privacidade e na seguridae dos meus datos. Tradicionamente, estes son os servizos de almacenamento de arquivos que probei e os que actualmente teño en uso

En desuso

Copy.io: xa desapareceu, pero era como Dropbox con moitos máis Gb de xeito gratuíto

Box.net: creo que aínda hai xente que usa esta aplicación

En uso

– Dropbox: a grande vantaxe é a súa sinxeleza. Intégrase moi ben con calquera equipo, con clientes gratuítos, pero cunha versión gratuíta MOI limitada de espazo: 2Gb de espazo son absolutamente insuficientes. É certo que podes aumentalo de forma gratuíta (eu teño arredor de 40Gb deste xeito) e tes un mes de “versións anteriores”, pero a versión de pago é excesivamente para para o que preciso eu: 1Tb de datos por uns 100€ ao ano paréceme moi caro.

– Drive: é relativamente sinxelo aumentar os 15Gb de espazo da versión gratuíta, pero o que detesto desta plataforma é a integración coa suite ofimática. O cliente web é desastroso na xestión dos arquivos e o que presumiblemente é unha vantaxe (a vinculación co ecosistema Google) é unha absoluta desvantaxe. Moi caótico (insisto, é unha valoración persoal)

– iCloud: podería ser o “Dropbox” de mac, pero como Apple ten sempre todo ben pechado, non foi ata moi recentemente cando se permitiu a xestión de arquivos de maneira eficaz mediante cartafoles. Os 5Gb de espazo son escasos, e aínda que aumentar a 50Gb é barato (1€ ao mes), so é cómodo se empregas en todos os teus trebellos iOs ou OSX.

Sen embargo, dunha ou doutra forma os meus datos están nunha nube que non controlo

E esta, a alternativa cara a que estou á migrar

Owncloud: é unha ferramenta de código aberto para almacenar e xestionar os arquivos. É dicir: montar unha nube como ás que me refería no apartado anterior. Interésame porque ten case todas as características que eu preciso

  • Cliente web para consultar, cargar e descargar arquivos, dende calquera navegador, dende calquera lugar.
  • Cliente nativo e gratuíto de escritorio para as plataformas windows, mac e linux. Este cliente facilita a carga de arquivos, porque se fai en segundo plano e de maneira automatizada (como Dropbox, por exemplo)
  • Cliente nativo (de pago) para smartphone. E por un mísero euro non vou andar chorando a aplicación para o teléfono…
  • Xestión de usuarios, algo que aprezo moito para que cada membro do equipo poida ter o seu propio espazo. Descoñezo se hai un límite máximo, pero para o que eu preciso, que é un grupo de menos de 5 usuarios, é suficiente. Ademais non todos teñen por que ter os mesmos privilexios… unha conta de administrador e o resto, “usuarios rasos”.
  • Tamaño… ilimitado? Ben, O límite é o ti establezas no servidor. 2gb, 200Gb, 2Tb… é coma ter un disco duro enteiro… na nube.
  • Posibilidade de compartir arquivos a través de url, e mesmo establecer unha data de caducidade da ligazón para que non queden “ad aeternum” vagando pola rede.

Que precisas para ter OwnCloud?

Non é todo tan sinxelo. Hai infinidade de titoriais, pero eu decanteime pola opción máis asequible para os meus coñecementos técnicos (limitados), aproveitando que teño un servidor Synology.

Para instalar este software en synology tes que utilizar un paquete de synocommunity, pero é tan sumamente sinxelo que llo recomendo a quen teña un servidor ou pense facerse cun trebello destes.

O custe do equipo e un disco duro axeitado é de arredor de 250€. Agora ben, se por case 3Tb de espazo de por vida tes asegurada a túa nube, coido que o prezo xa é máis asumible, non credes?

Dende logo, hai opcións máis sinxelas e máis baratas, como Lima, pero se che gustan os trebellos, has preferir unha opción máis escalable como a miña.

Mesmo se tes un Synology, o “Synology Cloud Station” é a maneira máis sinxela de gardar os datos (pero eu non conseguín afinalo de todo, a opción de compartir ligazóns por mail resistíaseme).

E se tes coñecementos técnicos máis sólidos, a mellor opción é montar OwnCloud sobre unha raspberry: barato e eficiente!

A grade vantaxe é que os datos son meus, están onde eu quero e nunha contorna que eu controlo. A desvantaxe é evidente… o risco de perda de datos é asumido íntegramente polo propietario, polo que non estaría demais considerar un backup automatizado dos datos e protexer o equipo servidor cun SAI.

Que tipo de nube empregades vós?