readyplayerone-novelaA cada ano que pasa, as lecturas que fago por pracer disminúen. Teño probado de todo; un rincón de lectura cunha boa cadeira, un libro electrónico con luz, autoobrigas de ler un libro ao mes… pero, ao final, acaban sendo imposicións internas que me provocan máis rexeitamente do que alegrías.

Supoño que tamén son ben rariño para a lectura; cada vez me custa máis concentrarme no que leo, e se xa hai 15 anos me provocaron apatía as descricións de Otero Pedrayo ou a descrición da abadía de “El nombre de la rosa”, non vos quero contar como é hoxe a cousa.

Ademáis, un dos meus xéneros favoritos é a ciencia ficción, un xénero no que abundan os nomes e autores, pero no que poucos se converten en clásicos.

Prestábanme moito as novelas de Michael Crichton, levadas ao cine con resultados moi dispares; mentres este ano asistimos a un remake de Jurassic Park, outra das súas novelas, “Timeline”, converteuse nun dos peores filmes da historia.

E, con todo, ás veces aparecen pequenas xoias que merecen pasar pola biblioteca persoal: é o caso de “Ready Player One”.

Para quen vai dirixido?
Para os/as amantes da ciencia ficción, para amantes dos videoxogos, para quen viviu ou lle encanta a década dos ’80 e para quen disfrutou con “Charlie y la fábrica de chocololate”.
Se che gustan todas esas cousas, por favor, deixa de ler este artigo; non perdas o tempo, apúrate e vai a mercar o libro.

E por qué había de lelo?
Motivos, moitos. Velaquí algúns deles:

  • Contén un ovo de pascual. Literalmente. A novela xira en torno á procura dun ovo de pascua; posiblemente, o maior da historia. E a propia novela física contén un ovo de pascua. Nese sentido lembroume moito ao “misterio das doce badaladas” (no que nunca conseguín adiviñar por que despois repenicaban 13 veces).
  • Estarás constantemente desexando coñecer os retos que deben atravesar os protagonistas para facerse co premio final.
  • Porque as referencia musicais aos anos ’80 farán que escoites a música na cabeza mentres les o libro (ou vaias a Spotify a buscar ditas cancións, e comprobar que xa hai unha lista).
  • Porque é unha peza moi importante para entender a historia dos videoxogos. Son tantas e tantas as referencias á época pre-nintendo que é todo un reto tratar de coñecelas todas.
  • Porque parece un futuro distópico no que Second Life si que triunfou.
  • Porque a lectura é axil, con interesantes diálogos, descricións precisas (sobre todo nos momentos épicos) e todo o que debería ter… un filme! Spielberg xa comprou os dereitos do libro, así que é probable que pronto teñamos filme deste libro).
  • Porque o “malo” é bastante plano, pero a multinacional para a que traballa é absolutamente diabólica.

É todo tan perfecto?
Por suposto que non é unha obra perfecta: para comezar, o libro ten unha tradución con certas eivas notables: se che gustou “Blade Runner”, ha de sangrarche os ollos ver “réplicas” no canto de “replicantes”. E con algúns títulos de videoxogos acontece o mesmo.
A novela susténtase no aspecto referencial á música, tv, cine, videoxogos… dos anos ’80; é áxil, e lese ben, pero a historia de amor, a de amizade, o “malo”… non deixan de ser un chisco predecibles.

Con todo, devolveume as ganas de ler. Que non é pouco.

Por certo, a imaxe da portada, tan icónica para nós, apenas é referenciada no libro.