As eleccións municipais do 24 de maio marcarán, posiblemente, un cambio de tendencia en clave nacional, pero en clave local a lectura é moi diferente. Velaquí un pequeno e humilde repaso á situación dos concellos da miña comarca, a comarca de Monterrei. Os comentarios son persoais, aínda que, como blogueiro, non teño intención ningunha de influír, matizar ou sesgar opinións de terceiros.

Concellos que manteñen resultados

Castrelo do Val: o socialista Vicente Gómez García revalida maioría absoluta co mesmo resultado que en 2011 (6 concelleiros), PP consigue de novo 3 concelleiros, e BNG queda fóra do pleno a pesares de contar co 9% dos votos (actualización: queda a 7 votos de conseguir concelleiro)

O PSdeG leva gobernando dende 1987

En termos porcentuais, BNG sobe medio punto e PSdeG sobe un punto, á costa da baixa porcentual do PP.

Cualedro:

Cuquejo mantén a maioría absoluta das anteriores eleccións, con 8 concelleiros. Compromiso por Galicia mantén o seu concelleiro no único concello da comarca no que presenta candidatura.

O PSdeG non consegue acadar ningún concelleiro.

Vilardevós:

O PP mantén a súa maioría absoluta, mellorando o resultado en votos con respecto a 2011, pese a que non se transforma nun novo concelleiro. Así, o PP mantén os 5 concelleiros e o PSdeG 4.

A clave, os pobos “da montaña”, tradicionalmente cun voto máis virado á esquerda, que non responderon ao patrón tradicional.

Lembro que en 2011 o PP gañou por 8 votos de diferenza. Desta vez, a vantaxe foi maior (máis de 200 votos)

Riós:

O PP mantén a súa maioría absoluta con 7 concelleiros de 9. Os dous restantes obtenos de novo o PSdeG

 

O PP goberna con ampla maioría, pero perde folgos

Monterrei:

Neste concello encabezaba a lista o fillo do anterior alcalde. Acadou 7 dos 11 concelleiros (en 2011 tiña 8), BNG mantén o seu, e irrumpen con forza veciños de Monterrei, co 3 edís.

Curioso o caso do edil obtivo polo BNG, con 159 votos. O PSdeG queda fóra do pleno con 157 votos (dous menos có BNG). De feito, PSdeG perde os dous edís acadados en 2011.

Oímbra:

Neste concello encabezaba a lista a filla do anterior alcalde, e dos 11 concelleiros obtivo 7. BNG e PSdeG conseguen 2 concelleiros cada un.

En 2011 o PP tivera 8 concelleiros; o BNG tan so un.

Non quero establecer correlación ningunha pero son os dous concellos onde os fillos dos alcaldes deron o relevo a seus pais.

 

A sorpresa

Verín:

Jiménez perde tres concelleiros (pasa de 10 a 7) e perde a maioría absoluta. Algúns temas polémicos coma o hotel no Castelo de Monterrei (que era cousa de Monterrei, non de Verín) puideron pasarlle factura, así coma a privatización do servizo de augas, entre outros. Perde a maioría obtida hai 8 anos.

PSdeG logra 6 concelleiros (sobe 2). O grupo municipal – que fai un ano non existía, e unha xestora se encargaba da xestión – consegue uns resultados moi bos. Sería unha aportación sesgada a de indicar que o candidato socialista é ex-membro do PP, pero é preciso aportada. Quero indicar a este respecto que non creo que exista correlación entre este dato e o resultado.

BNG obtén 4 concelleiros. Moi destacable actuación do BNG que sobe un concelleiro, pese aos malos resultados globais e ao cambio á fronte do grupo municipal.

Podemos (Son de Verín) non acada representatividade no concello de Verín.

A incógnita pasar por saber se PSdeG e BNG serán capaces de chegar a un acordo de goberno ou PP poderá gobernar en minoría.

 

Cambiarán as cousas na comarca?

Iso, querido lector/a déixollo para vostede. É libre de opinar o que queira. Saberémolo dentro duns meses, ou anos.