Nunca me levei moi ben coas ferramentas de produtividade, mais dende hai un par de meses estou a probar a versión premium de Evernote (a través dunha subscrición gratuíta dunha libreta Moleskine) e, logo de dous meses, coido que xa estou en condicións de avaliar o seu uso.

Para que non o coñeza, Evernote é unha aplicación que permite organizar infromación a través de notas. É multiplataforma, multidispositivo e, se non queres empregar a versión de escritorio, tamén tes versión web. É a mellor alternativa a Microsoft OneNote. Velaquí as miñas impresións

Bondades de Evernote

  • Acceso dende calquera lugar no que teñas internet. Se Evernote se combinase con Dropbox nunha soa aplicación, serían imbatibles.
  • A organización, tanto por cadernos (e grupos de cadernos) coma por etiquetas. Confeso que a que menos emprego é a organización por etiquetas (a min o social tagging aínda me queda lonxe…) pero se es dos que etiqueta todo, é unha opción estupenda.
  • Os complementos: tanto Clearly como Web Clipper permitiranche gardar calquera anaco de web en evernote.
  • A integración con outras plataformas: a través de IFFT podo gardar en Evernote os artigos que gardei como favoritos en Feedly. Velaquí a receita!
  • A limpeza e sinxeleza da platarforma
  • Podes compartir notas.

As vantaxes do premium

  • Non hai publicidade, e iso nótase na organización da barra lateral. O espazo extra agradécese
  • A opción “context” é, sinxelamente, maxistral. Creo firmemente que o futuro da web está estreitamente relacionado cos algoritmos de recomendación, e o que emprega Evernote está moi afinado. Ao final de cada nota amósache outras notas relacionadas, e como podes conectalo con Linkedin, tamén amosa os contactos da xente da que falaches nas notas. Non é perfecto, pero sorprende a cantidade de veces que si acerta!
  • Acceso sen conexión dende dispositivos móbiles: para min é a máis inútil das melloras premium, pero se andas no estranxeiro, ou se tes unha tablet sen conexión, pode serche de interese. Insisto no de “inútil” porque para min os dispositivos móbiles son únicamente de consulta.
  • Máis capacidade. Coma en todos os lados, #hoygan! Só a empregarás se gardas moitas imaxes en Evernote.
  • Procuras con esteroides: as procuras melloran, podendo rastrear no interior de documentos de office, pdf… que teñamos cargados
  • Notas con vista de presentación de diapositiva. Moi útil a vista a pantalla completa para amosar as notas nun proxector (por exemplo) coma se fosen presentacións.

Merece a pena?

Aínda que tento evitar esta palabra… DEPENDE. Si, depende do uso intensivo que fagas de Evernote.

No meu caso, ao empregala como organizador de notas de tooooooda a miña actividade (actividade académica e freelance, na súa maioría) é moi interesante como ferramenta, se ben para o común da poboación poden non ser suficientes as melloras premium (hai máis, eu so citei as que eu emprego ou, deliberadamente, non o fago).

Melloraría algo?

Si, o editor WYSIWYG, que podería ser máis completo. Non preciso que se convirta nun editor de texto traticional, pero unha barra de ferramentas máis complexa (para táboas, cores…) melloraría moitísimo  a experiencia.

Tamén me gustaría mellorar a vista de miniaturas que aparecen no lateral esquerdo: creo que se poden amosar máis notas sen eliminar o contido previsualizado.

En todo caso, podes comezar a empregar a opción “free” para ver se che convence, non?