O último sábado de agosto celébrase en Fontefría (Castrelo do Val) a Romaría dos Danzantes de Santa Marta, unha das danzas tradicionais máis antigas da provincia onde os danzantes, ao saír coa procesión, van bailando até rodear o cruceiro e chegar á praza, onde fan o trenzado das cintas nun mastro chamado “mapola”.

Tradicionalmete os danzantes foron seis e – sempre – homes, vestidos cunha casaca branca e longa, a xeito de chaquetón, un pantalón da mesma cor, unha banda rosa cruzada no peito, gravata marrón e un ou dous panos para secar a suor.

Na testa levan un gorro con forma cónica, branco, con cintas da mesma cor que que despois han de trenzar na “mapola”, ou sexa, branca, verde, dourada, azul, bermella e negra. Os danzantes van marcando o ritmo con castañolas adornadas con cintas da mesma cor que as que levan no gorro.

A danza ten música que xa fora recollida por Risco, Xocas e Taboada Chivite. O mellor é que vexades o vídeo, gravado o mes pasado, que recolle a danza.

Romaría dos Danzantes de Fontefría de Xabier Rolán en Vimeo.